Mutacionismo

Pintura realizada por Thérèse Schwartze, 1918, que representa a Hugo de Vries facendo un debuxo da planta Oenothera, a cal aparentemente producía novas formas por medio de grandes mutacións nos seus experimentos.

O mutacionismo é unha das varias alternativas á evolución por selección natural que existiron tanto antes coma despois da publicación en 1859 do libro de Charles Darwin A orixe das especies. Na teoría do mutacionismo, a mutación era a fonte de novidades, que creaba novas formas e especies, potencialmente de forma instantánea,[1] en súbitos saltos.[2] A mutación era concibida como o que impulsaba a evolución, que se pensaba que estaba limitada pola aparición de mutacións.

Antes de Darwin, os biólogos xeralmente crían no saltacionismo, a posibilidade de grandes saltos evolutivos, incluíndo a especiación inmediata. Por exemplo, en 1822 Étienne Geoffroy Saint-Hilaire argumentou que as especies podían formarse por transformacións súbitas, ou o que sería máis tarde chamado macromutacións. Darwin oponíase á saltación, insistindo no gradualismo na evolución como no uniformismo en xeoloxía. En 1864, Albert von Kölliker fixo revivir a teoría de Geoffroy Saint-Hilaire. En 1901 o xenetista Hugo de Vries deulle o nome de "mutación" ás formas aparentemente novas que aparecían subitamente nos seus experimentos coa planta Oenothera lamarckiana. Na primeira década do século XX, o mutacionismo, ou, como o chamaba de Vries a mutationstheorie, converteuse nunha teoría rival para o darwinismo apoiada durante certo tempo por xenetistas como William Bateson, Thomas Hunt Morgan e Reginald Punnett.

A comprensión do mutacionismo foi enturbada polo retrato que dos primeiros mutacionistas fixeron na metade do século XX os partidarios da síntese moderna da evolución, presentándoos como opoñentes á evolución darwinista e rivais da escola biométrica que argumentaban que a selección operaba nunha variación continua. Neste retrato, o mutacionismo foi derrotado por unha síntese de xenética e selección natural que supostamente empezou máis tarde, arredor de 1918, co traballo do matemático Ronald Fisher. Porén, o aliñamento da xenética mendeliana e a selección natural comezou xa en 1902 cun artigo de Udny Yule, e creceu con traballos teóricos e experimentais en Europa e América. Malia a polémica, os primeiros mutacionistas xa aceptaran polo ano 1918 a selección natural e explicaban a variación continua como o resultado da actuación de múltiples xenes sobre unha mesma característica cuantitativa, como a altura.

O mutacionismo, xunto con outras alternativas ao darwinismo, como o lamarckismo e a ortoxénese, foi descartado pola maioría dos biólogos a medida que se decataron que a xenética mendeliana e a selección natural podían actuar xuntas doadamente; a mutación quedou establecida como a fonte da variación xenética esencial para o funcionamento da selección natural. Porén, o mutacionismo non se esvaeu completamente. En 1940, Richard Goldschmidt argumentou de novo a prol da especiación nun só paso por macromutación, describindo que os organismos así producidos como "monstros optimistas", o que lle valeu burlas xeneralizadas. En 1987, Masatoshi Nei argumentou polemicamente que a evolución estaba a miúdo limitada pola mutación. Biólogos modernos como Douglas J. Futuyma conclúen que esencialmente todas as afirmacións de que a evolución está impulsada por grandes mutacións poden ser explicadas pola evolución darwinista.

  1. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome BowlerEclipse
  2. Smocovitis 1996, p. 56.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search